Monday 13 de May de 2024

O Concello de Frades acomete tarefas de limpeza e desinfección nas zonas máis concorridas do municipio


Agradece a doazón de líquido desinfectante por parte da empresa ordense Óptima Productos Agrarios SL
O Concello de Frades está a acometer tarefas de limpeza e
desinfección das zonas máis concorridas do municipio durante a corentena do coronavirus
COVID-19. Uns traballos que se centran nos exteriores dos centros abertos ao público en
Frades como as tendas de alimentación, supermercados, estancos… así como no tanatorio ou
o centro de saúde de Ponte Carreira, cuxo interior tamén foi desinfectado.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradece a o traballo que está a desenvolver o persoal
municipal así como a recente doazón de 1.200 litros de líquido axeitado para a desinfección
das rúas doado pola empresa ordense Óptima Productos Agrarios SL aos concellos de Frades,
Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo. Unha achega que permitirá dispoñer de 1,5 millóns de litros
de auga para a desinfección dos principais espazos públicos destes cinco municipios.
Positivo en illamento domiciliario
Por outra banda, o Concello de Frades confirma que a persoa que deu positivo no test do
coronavirus COVID-19 se atopa illada na súa vivenda e con seguimento telefónico. Unha
persoa á que lle desexa unha pronta e satisfactoria recuperación, ao tempo que manifesta o
seu total apoio á súa familia. Así, Roberto Rey pídelle tranquilidade á veciñanza e “o
máximo dos respectos e evitar continuar a crear bulos e a afirmar ou supoñer sen contrastar.
Os facultativos sanitarios xa se encargaron de analizar este, como todos os casos, de acordo
aos protocolos establecidos”.
Neste sentido, o alcalde de Frades insiste en recordar que “é fundamental cumprir todas e
cada unha das obrigas e recomendacións do estado de emerxencia sanitaria. Non saiades da
casa máis que para o estritamente esencial e moito menos seguir a buscar escusas sen sentido
para facelo. Non estamos para dar salvocondutos por moito que nos preguntedes”.
Finalmente, Rey Martínez agradece a colaboración ofrecida pola maioría da veciñanza de
Frades pois “cada vez que evitamos un contaxio, todos gañamos. Non sexamos
irresponsables porque esta loita é de todos e todos unidos imos a gañala”.